A medicina termal diminúe o consumo de analxésicos e antiinflamatorios no 57% das persoas con doenzas reumatolóxicas
Diversos estudos sinalan que un incremento do 1% no gasto sanitario en balnearios repercute nun aforro do 30 ao 40% en gastos médicos farmacolóxicos e nun 30% do absentismo laboral.
Santiago de Compostela-Lugo, 23 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).-
A Balneoterapia nas Enfermidades Reumatolóxicas é o tema do seminario que terá
lugar este venres 24 e sábado 25 no Balneario Termas Romanas de Lugo. A
actividade diríxese a futuros médicos e está promovida pola Cátedra de Hidroloxía
Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia.
Dolores Fernández Marcos, coordinadora da Cátedra, médico especialista en
hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, sinala que, se ben a
utilización da auga mineromedicinal para tratar as patoloxías reumáticas vén desde a
antigüidade, hoxe en día a cura balnearia continúa estando en vigor para o
tratamento sintomático dos procesos do aparello locomotor, e mostra da súa
efectividade queda recollida no informe TNS Healthcare sobre a eficacia e eficiencia
da medicina termal, onde se sinala que un 57% das persoas usuarias destas terapias
diminuíron o consumo de medicamentos analxésicos e antiinflamatorios .
A especialista destacou que xeralmente asociamos os reumatismos ao envellecemento, xa que os procesos dexenerativos son os máis frecuentes, pero a balneoterapia non está só indicada en persoas maiores posto que actualmente a prioridade do tratamento está na recuperación da fatiga física e psíquica, na recuperación pos-traumática e pos-cirúrxica, no tratamento da dor crónica, da rixidez e da funcionalidade, e na prevención das secuelas derivadas dos procesos reumáticos . Así mesmo, subliñou a importancia de coñecer clinicamente ao paciente para asegurar a eficacia do tratamento balneario, o que require a colaboración entre o médico facultativo do centro termal, o médico de familia e o especialista .
De modo similar exprésase a doutora Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña e participante no seminario: as enfermidades reumatolóxicas son a principal causa de discapacidade nos adultos en todo o mundo e na actualidade a maioría dos tratamentos balnearios céntranse neste tipo de doenzas . Engade que hoxe en día en moitos países europeos a balneoterapia utilízase sistematicamente como método complementario de tratamento das enfermidades reumáticas, especialmente da artrose, pola súa eficacia na diminución da dor, da incapacidade funcional e da reacción inflamatoria que acompaña o proceso de deterioración e de destrución da cartilaxe articular .
Os mecanismos responsables da efectividade da balneoterapia
Numerosos estudos clínicos dos últimos anos demostran a efectividade da medicina termal en varias enfermidades reumáticas, sobre todo a artrose, a lumbalxia e a fibromialxia. No curso do Balneario de Lugo presentaranse os estudos existentes sobre os mecanismos responsables da efectividade da balneoterapia nestas doenzas, como os efectos térmicos, os da inmersión na auga e os derivados da composición química das augas mineromedicinais.
Os centros termais poden ser un lugar ideal para lograr os obxectivos de tratamento, prevención e educación sanitaria, para conseguir un mellor estado de saúde e mellor calidade de vida. Diversos estudos sobre gasto sanitario e balneoterapia sinalan que un incremento do 1% no gasto sanitario en balnearios repercute nun aforro do 30 ao 40% en gastos médicos farmacolóxicos e nun 30% do absentismo laboral.
Programa do seminario
As xornadas comezan o venres 24 pola tarde coa intervención da doutora Rosa Meijide, que abordará o mecanismo de acción das augas mineromedicinais sobre as enfermidades reumatolóxicas. De seguido os estudantes do último curso de Medicina farán unha visita polas instalacións do centro e finalmente realizarán unha sesión práctica para coñecer as técnicas e tratamentos que se levan a cabo nas piscinas termais.
Na mañá do sábado 25 a doutora Dolores Fernández Marcos afondará no tratamento balneoterápico das doenzas reumatolóxicas e as súas técnicas complementarias. Posteriormente, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, incidirá no panorama actual do termalismo na comunidade galega e na normativa principal que afecta ao sector. Como peche da xornada, os futuros facultativos participarán nunha sesión práctica no balneario.
PRENSA_ 616 219 610